Detalle

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Forcarei honran a Chano Piñeiro na súa terra natal

A Escola de Cantería da institución provincial realizará unha escultura de homenaxe ao cineasta que estará rematada en abril

14 de outubro de 2020

 Escola de Cantería

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra xa comezou os traballos preparatorios da escultura-homenaxe ao cineasta Chano Piñeiro, falecido fai 25 anos, que se levara a cabo atendendo á petición realizada polo Concello de Forcarei coa fin de honrar ao precursor do cine galego na súa terra natal, onde o instituto da localidade e unha travesía do casco urbano levan o seu nome.

Ambas institucións coinciden na importancia de plasmar a relevancia de Chano Piñeiro nunha peza escultórica para que veciñanza e visitantes sexan coñecedores tanto da orixe do cineasta, principal impulsor do cinema en Galicia, como da aportación á súa filmografía da paisaxe, as costumes e incluso as personaxes do imaxinario do creador de Mamasunción ou Sempre Xonxa, as súas películas de referencia.

Xa se coñece que a peza da Escola de Cantería será de granito, cunhas dimensións aproximadas de 2,7 m por 1, 5 m, e reflectirá un lenzo sobre o que irá gravado o rostro de Chano Piñeiro e elementos alusivos ao mundo do cine como os fotogramas e as claquetas. Está previsto que a escultura poida estar finalizada para o vindeiro mes de abril e que así o concello proceda a súa instalación nun espazo público do municipio.

Precisamente a pasada semana, o Concello de Forcarei instalou definitivamente as placas co nome de Chano Piñeiro na rúa destinada a quen foi un dos seus veciños máis ilustres. Piñeiro tamén foi o protagonista este ano do Festival de Cinema de Cans onde se inaugurou unha rúa efémera co seu nome e se proxectaron os seus traballos.