Detalle

A Escola de Cantería celebra santa Lucía coa entrega dos premios de modelaxe e dos títulos de mestra e mestre canteiro

13 de decembro de 2019

Santa Lucía

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra celebrou este venres a súa tradicional festa de santa Lucía, patroa do gremio, cun acto no que se conxugaron unha exposición de modelado e a entrega de diplomas ao alumnado que rematou os estudos de Mestra e Mestre de Cantería. Ao evento acudiu o deputado de Réxime Interior, Economía e Facenda, Carlos López Font, que animou o estudantado a progresar no oficio da pedra.

16 foron as obras presentadas para as dúas categorías dentro do premio de modelaxe. O gañador da categoría A foi David Fernández Areses, cuxa peza se denomina Maleta, e Daniel Acuña Mariño foi o vencedor na categoría B co seu modelo La piragüista, que se expoñerá no futuro na praza dos Olímpicos de Aldán xunto a outra escultura elaborada na Escola de Cantería. "Estar entre tanta pedra e obras de arte é unha satisfacción, ao igual que estar coas 14 autoras e autores e as súas 16 pezas", explicou López Font sobre o certame.

Ademais, Cristian Jabóis Pérez e Daniel Acuña Mariño recibiron no acto o diploma acreditativo do título de Mestre de Cantería. Deste xeito, estes dous nomes pasan a engrosar a lista que deixa patente o percorrido da institución, que en 30 anos formou máis de 1.000 canteiras e canteiros. Con respecto ao compromiso da Deputación de Pontevedra, o deputado afirmou que "é imprescindible que as administracións apostemos por formar con calidade e pola cultura propia".

López Font remarcou o recoñecemento que reciben as obras saídas da Escola de Cantería incluso fóra das fronteiras provinciais: "Moitas obras foron destinadas a concellos e entidades que teñen un gran recoñecemento". Isto foi secundado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, que apuntou que "a escola é provincial, pero para Poio é un orgullo acollela. Temos pezas por todo o noso concello".

No que vai de ano, o alumnado da Escola de Cantería realizou un total de 13 obras, mentres que outras cinco están en execución. Así mesmo, os traballos do alumnado e o profesorado da Escola de Cantería deixaron pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia e por todo o mundo, incluíndo países como Brasil, Venezuela, Manila, Estados Unidos, Nicaragua, Arxentina ou Francia.

A historia da Escola de Cantería remóntase ao ano 1979, cando comeza a súa andaina no mosteiro de Poio. Non obstante, en 1982 pasou a depender da Deputación de Pontevedra, que trasladou o centro ás novas instalacións de Poio no ano 2000, onde se atopa na actualidade. Co obxectivo de regularizar e prestixiar aínda máis estes estudos, a Deputación está a tramitar actualmente a súa homologación con dous certificados de profesionalidade ante a Consellería de Traballo (Xunta de Galicia) e solicitou tamén a creación doutros dous títulos de Formación Profesional regrada ante o Instituto Nacional das Cualificacións (Incual), órgano interadministrativo presidido polo Ministerio de Educación e no que tamén está representada a Xunta de Galicia.