Detalle

A Escola de Cantería ultima os preparativos do novo curso que chega con todas as medidas de seguridade

O prazo para matricularse nos estudos de mestra/e canteira/o do centro adscrito á Deputación de Pontevedra remata o 28 de setembro

23 de setembro de 2020

Escola de Cantería

O vindeiro 1 de outubro a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra abrirá as súas portas ao novo curso 20-21 con clases presenciais pero con todas as medidas de seguridade e prevención fronte á COVID-19. O centro, que reabriu tralo confinamento a comezos de xuño, conta cun estrito protocolo que supón unha intensificación na limpeza e desinfección e o mantemento da distancia de seguridade entre as persoas para garantir o cumprimento de todas as medidas ditadas polas autoridades sanitarias.

O 28 de setembro rematará o prazo de matrícula para o alumnado interesado en acceder aos estudos de cantería e de mestra/e canteira/o. As persoas interesadas poden realizar a inscrición a través dun formulario dispoñible na páxina web da Escola, escoladecanteria.depo.gal, e desde esta semana terán que formalizar a matrícula para poder comezar o curso a partir do 1 de outubro.

Para acceder aos estudos de cantería é necesario posuír o título de graduado escolar ou equivalente. Son tres anos de formación teórica, pero sobre todo práctica, e hai 25 prazas dispoñibles para cada curso. Os ámbitos profesionais futuros ao rematar os estudos céntranse sobre todo na construción, na escultura, na restauración e na rehabilitación. Para optar ao título de mestra/e de cantería, con tamén 25 prazas por curso, é necesario ter o título de cantería e recibir outros dous anos de formación. A Escola ten pendente a súa acreditación como Centro de Formación para o Emprego, xa tramitado pola Deputación que está á espera da resposta da Xunta de Galicia. Esta acreditación permitiralles ás alumnas e aos alumnos obter o Certificado de Profesionalidade dos estudos.

Os estudos que realiza o alumnado na Escola de Cantería son eminentemente prácticos e supoñen a realización de múltiples obras e traballos durante o tempo de formación. Moitas destas obras, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peañas ou construcións arquitectónicas rematan en lugares de toda Galicia, de toda España e tamén do estranxeiro, como en Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en sitios emblemáticos de todo o mundo, coma na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, así como actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.