Detalle

A Escola de Cantería inicia o curso con estritas medidas de prevención contra a Covid19 e as obras completamente rematadas

A deputada Noemí Outeda recibiu ao alumnado que se formará este ano a quen animou a aproveitar ao máximo a "alta calidade da formación que aquí se ofrece" e a "respectar en todo momento o protocolo de seguridade"

01 de outubro de 2020

Inicio del curso da Escola de Cantería

A Escola de Cantería iniciou hoxe o seu 41º curso nun sinxelo acto que estivo presidido pola deputada Noemí Outeda e no que fixo especial fincapé no obrigado cumprimento do protocolo anticovid19 co obxectivo de desenvolver a actividade docente coas máximas garantías de aquí ata o próximo mes de xuño. Un total de 13 alumnos, catro deles novos, tomaron contacto co profesorado e dispuxéronse a comezar a actividade lectiva.

Outeda reclamou do alumnado un "compromiso total" co cumprimento das normas de prevención, con uso obrigado de máscaras, distancia social e lavado frecuente de mans. O centro, que conta con carteis informativos, dispensadores de hidroxel, alfombras desinfectantes, e rutas de tránsito sinalizadas, fai unha aposta polo ensino presencial ao tratarse dunha formación eminentemente práctica. Remarcou que o protocolo de seguridade debe ser respectado "en todo momento". Ademais explicou que unha das novidades deste ano é, precisamente, a reorganización dos horarios só na franxa matutina diante da imposibilidade de utilizar o comedor por mor da pandemia.

A deputada destacou a "alta calidade da formación que aquí se ofrece" e reivindicou o papel da Escola de Cantería en obras transcendentes como a restauración do Capitolio de Washington ou a Abadía de Westminster, ademais da construción da Sagrada Familia de Barcelona. Subliñou a capacitación do profesorado e a oportunidade laboral que se ofrece a todos/as os/as alumnos/as que completan os seus estudos. Neste senso, explicou que a Deputación está á espera dunha pronta resposta da Xunta de Galicia para a homologación como Centro de Formación para o Emprego, o que permitirá a expedición de certificados de profesionalidade para o alumnado que remata o primeiro e o segundo ciclo.

Por outra banda, este curso académico é o primeiro tralo remate de tódalas obras de adecuación á normativa sobre seguridade, accesibilidade e contaminación acústica. Unha actuación na que a Deputación de Pontevedra investiu 440.000 euros e que, ademais, fixo posible, 18 anos despois da construción da Escola de Cantería, a regularización urbanística coa obtención da licenza de actividade do Concello de Poio.

Unha vez rematada a presentación oficial, o alumnado percorreu as instalacións para coñecer as novidades e recibir as últimas instrucións antes do comezo das clases. Dos alumnos inscritos este ano hai catro que comezan a súa andaina en Primeiro curso, procedentes de Vigo, Vilagarcía, Soutomaior e Pontevedra. Ademais, o alumno madrileño que o ano pasado comezou a súa formación continúa en Segundo.

A Escola de Cantería naceu no mosteiro de Poio para dar continuidade á formación nun oficio tradicional no que Galicia sempre foi unha referencia. Polas súas aulas e obradoiros teñen pasado destacados profesionais e artistas, entre eles o vallisoletano Rodrigo de la Torre, especializado en restauración monumental e cuxo traballo fíxoo merecente do último premio Richard Driehaus como mellor artesán da pedra de España.