Detalle

A Deputación súmase ao Día Mundial do Alzheimer

Carmela Silva inaugurou en Vigo unha escultura cedida a AFAGA, realizada pola Escola de Cantería "de recoñecemento pero tamén de reivindicación para que as persoas con alzheimer sexan unha prioridade para as administracións públicas"

21 de setembro de 2022

Escola de Cantería

Como cada 21 de setembro hoxe conmemórase o Día Mundial do Alzheimer, e este ano a Deputación de Pontevedra quixo sumarse a esta iniciativa dun xeito especial participando en varios actos organizados en concellos da provincia e coa presenza en Vigo da presidenta provincial, Carmela Silva. Foi na entrega á Asociación de Familiares de Enfermos/as de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) dunha escultura realizada pola Escola de Cantería da Deputación que desde hoxe xa preside a nova Praza da Memoria. A peza, solicitada pola propia Asociación, rende recoñecemento ás persoas enfermas, ás súas familias e ás súas coidadoras e coidadores.

No acto, no que Carmela Silva estivo acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, a presidenta da Deputación, deixou claro que este é un día no que "as persoas que padecen alzheimer, as e os seus familiares e amizades e todas as persoas coidadoras teñen que levantar a voz para reivindicar que teñen que estar entre as prioridades de todas as administracións públicas, que deben de poñer á súa disposición os recursos suficientes para garantir a calidade de vida das persoas que sofren esta enfermidade".  Por isto, continuou, "este monumento vai a quedar para sempre como un berro en defensa de que todas as persoas que teñan a atención que precisan". A presidenta provincial tamén tivo palabras para agradecer ás asociacións, representadas neste acto por AFAGA, o seu "labor imprescindible e de compromiso social" e tamén ás familias "que fan tanto esforzo e que son heroes e heroínas. Para elas e para eles é todo o meu amor, cariño e respecto".

Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, deixou claro que para todas as persoas que forman parte da súa asociación o 21 de setembro é "un día de reivindicación, visibilización e concienciación social" e por iso se amosou "contentísimo" de poder inaugurar a escultura realizada na Escola de Cantería. Ademais, Juan Carlos Rodríguez lembrou o "carácter sociosanitario" desta enfermidade que "involucra non só as persoas que teñen alzheimer ou algunha outra demencia neurodexenerativa senón tamén a toda a súa contorna".

A escultura inaugurada en Vigo ten forma de cerebro e nela pode apreciarse tamén unha margarida, símbolo desta enfermidade. Esta peza susténtase sobre unha base de granito cunha lenda gravada "En recoñecemento ás persoas con alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas, ós seus familiares e coidadores/as" e acada un preso aproximado de 1.456 quilogramos.

Ademais da presenza da presidenta neste acto, a Deputación quixo sumarse a outros actos no resto da provincia. Así, a deputada de Cohesión Social Olga García participou en Pontevedra nos actos organizados pola Asociación de Familiares de Persoas enfermas de alzheimer e outras demencias (AFAPO) e acudiu á "Xuntanza na Memoria", celebrada en Moaña e organizada pola Asociación de Familiares de Persoas enfermas de alzheimer do Morrazo (AFAMO).