Detalle

Escola de Cantería da Deputación elabora por terceiro ano consecutivo os galardóns do Festival de Cinema Inclusivo de Vigo

As pezas escultóricas entregaranse este sábado no marco do acto de clausura para premiar á mellor curtametraxe, longametraxe, documental e webserie inclusiva

15 de outubro de 2020

Escola de Cantería Festival Vigo

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra foi por terceiro ano consecutivo a encargada de elaborar os galardóns do V Festival de Cinema Inclusivo de Vigo. As pezas escultóricas, que elaborou o centro dependente da institución provincial, entregaranse este sábado 17 de outubro para premiar a mellor curtametraxe, longametraxe, documental e webserie inclusiva, no marco do acto de clausura do festival integrado nos Rías Baixas Film Fest.

Trátase do terceiro ano que o Goberno provincial colabora coa asociación AGAIN (Asociación Audiovisual Galega Inclusiva) para elaborar as pezas do Festival de Cinema Inclusivo de Vigo e contribuír a rachar cas barreiras no cinema e facer deste unha arte inclusiva. Os galardóns, a modo de pequenas esculturas, están elaborados en granito silvestre cunha base de granito negro. As pezas simulan en planos xeométricos unhas mans portadoras dun obxectivo fotográfico e levan incluída unha placa gravada que detalla a modalidade de cada un dos premios.

O Festival de Cinema Inclusivo, que se está a desenvolver estes días en Vigo e se centra na sanidade e nos coidados, forma parte dos Rías Baixas Film Fest, a marca de calidade que a Deputación de Pontevedra presentou en xullo para relanzar e fortalecer os festivais de cinema da provincia. Deste xeito, únese a outros eventos coma o Festival de Cans, FIC Bueu, Play-Doc, Primavera do Cinema, Curtas Festival do Imaxinario, Galicia Freaky Film, Novos Cinemas e Curtas Armadiña.