Detalle

O Concello de Mos lucirá a Escultura da Costureira da exposición "D' Pedra" da Deputación de Pontevedra

A peza será instalada este venres na Fundación Pazo de Mos despois da firma do convenio coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común para a doazón da Escola de Cantería

19 de novembro de 2020

Escultura costureira

A Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mos asinaron o convenio de colaboración para a doazón da escultura da Costureira pertencente á exposición "D'Pedra", co fin de difundir o patrimonio histórico-artístico e poñelo en valor. A peza de granito, elaborada polo alumno da Escola de Cantería Jonathan Mariñas García, conta cunhas medidas de 145 x 90 x 100.

En concreto, a escultura da Costureira colocarase este venres, 20 de novembro na Fundación Pazo de Mos. "D'Pedra" é a mostra itinerante que a Deputación de Pontevedra puxo a disposición dos concellos, como fixo no seu momento con "Nado en pedra", e que non só fai fincapé na actividade que mozas e mozos desenvolven neste centro de formación, senón que tamén serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega. Entre os seus obxectivos figura a achega da arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional. En concreto, "D'Pedra" está formada por 16 pezas exteriores de granito feitas polo alumnado da Escola de Cantería, e que na maior parte dos casos representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá.

A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo.