Detalle

Santiago Rey, exalumno da Escola de Cantería, traballará nas obras de rehabilitación do Palacio de Westminster e do Big Ben

Carmela Silva cualificou esta boa noticia como "unha nova demostración de que a nosa escola é unha alternativa moi interesante con saídas profesionais"

01 de diciembre de 2017

Santiago Rey, exalumno de la Escuela de Cantería, trabajará en las obras de rehabilitación del Palacio de Westminster y del Big Ben

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou na rolda de prensa desta mañá que un exalumno da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra comezará a traballar nas obras de rehabilitación do Palacio de Westminster e do Big Ben. Este antigo alumno é Santiago Rey López, de Vigo, que xa estaba traballando en Londres e que cursou durante cinco anos os estudos de mestre canteiro. Sobre esta nova, Carmela Silva afirmou que "é un orgullo para nós e unha mostra máis do gran traballo que se está a facer na Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra".

Así, Santiago Rey traballará no Palacio de Westminster e no emblemático Big Ben, cuxas campás deixaron de marcar as horas o pasado mes de agosto despois de 158 anos. Estas obras de rehabilitación están previstas que rematen en 2021. A presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que "a presenza da nosa Escola nestas obras tamén son unha nova demostración de que é unha alternativa moi interesante con saídas profesionais".

Desta maneira, o canteiro vigués únese a outros exalumnos e exalumnas da Escola de Cantería da Deputación que nos últimos tempos traballaron en importantes obras de todo o mundo como o Capitolio de Washington, o barrio de Chiado en Lisboa, a Catedral de Santiago, a Sagrada Familia de Barcelona, a Igrexa de San Xudas de Londres ou a Catedral de Westminster.