Detalle

Deputación e Concello do Grove asinan o convenio para a restauración da histórica Fonte da Praza de Arriba

22 de marzo de 2018

Diputación y Ayuntamiento de O Grove firman el convenio para la restauración de la histórica Fonte da Praza de Arriba

A Deputación de Pontevedra asinou co Concello do Grove un convenio para a reconstrución da histórica e emblemática Fonte da Praza de Arriba, a cargo da Escola de Cantería da institución provincial que levará a cabo os traballos de restauración e instalación.

A presidenta Carmela Silva, e o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, coincidiron en sinalar a importancia de recuperar unha peza tan importante do patrimonio histórico da vila do Salnés. Neste senso, Carmela Silva afirmou estar "moi satisfeita por restaurar unha peza histórica do patrimonio do Grove despois de que fora maltratada por mor de decisións que non pensaban en coidar o noso patrimonio".

Pola súa banda, José Antonio Cacabelos resaltou que "esta actuación vai na liña de #SomosHistorias, do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación, pois esta fonte é unha peza máis do puzzle que é esa promoción turística e patrimonial" e sinalou que "para O Grove é importantísimo recuperar a historia da nosa terra, forma parte do ADN das veciñas e veciños do Grove, porque somos o que somos polo noso pasado".

A fonte na que se vai actuar é un elemento clave na historia do Grove e concretamente trátase dunha fonte de estilo modernista de gran porte rematada cunha copa de ferro fundido e soporte para dous farolillos que iluminaban a saída de auga. Foi construída en 1925 e permaneceu na Praza de Arriba ata a década dos 60, cando foi retirada e substituída. Ao ser desmontada, a fonte sufriu danos materiais e posteriormente foi instalada en Porto Meloxo, lugar onde nunca chegou a funcionar.

No acto de sinatura, Carmela Silva tamén apuntou que "con este tipo de convenios poñemos en valor o traballo do alumnado da Escola, que será quen leve a cabo os traballos de elaboración" e rematou resaltando que "o Goberno do concello do Grove ten demostrado unha sensibilidade especial de recuperación do patrimonio, apostando por el como sinal de identidade".