Detalle

A Deputación de Pontevedra comeza as obras de legalización e adaptación á normativa do edificio da Escola de Cantería

A solicitude de creación das novas titulacións de Formación Profesional diante do Instituto Nacional das Cualificacións está en marcha desde hai 3 semanas

07 de outubro de 2019

Obras do edificio da Escola de Cantería

As obras de adaptación da Escola de Cantería para o cumprimento da normativa en materia de accesibilidade, contaminación acústica, protección contra incendios e prevención de riscos laborais comezaron esta mañá. A Deputación de Pontevedra ponse así mans á obra para solucionar a irregularidade urbanística coa que vén funcionando o centro desde a súa construción no ano 2000 e obter definitivamente a licenza municipal de actividade diante do Concello de Poio.

A actuación está a cargo da empresa Civis Global, que conta cun orzamento de adxudicación de 440.000 euros e un prazo de execución de seis meses. O proxecto está baseado no estrito cumprimento da normativa vixente sobre edificacións nas que se imparte formación tanto no eido laboral como no educativo e supón un paso imprescindible para a homologación dos estudos actuais.

A Deputación de Pontevedra xa está a tramitar a creación de dous títulos de Formación Profesional de grao medio e superior para os estudos de Cantería diante do Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL). O organismo interadministrativo estatal, no que están representados o Goberno central e os autonómicos, así como as organizacións sindicais e laborais, recibiu a solicitude da Deputación o pasado día 25 de setembro, hai case tres semanas. A Deputación solicitou tamén ao INCUAL información sobre a posible duración deste procedemento, que inclúe varios informes, unha consulta pública e remata coa publicación dun Real Decreto coa modificación do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Paralelamente, como paso intermedio ata a creación das novas titulacións educativas, a Deputación está a solicitar da Xunta de Galicia que cree dous novos certificados de profesionalidade que avalen os estudos do alumnado que cursa os seus estudos na actualidade. Finalmente, estase a reclamar da Consellería de Educación a transferencia do centro e, ata que isto se produza, o cofinanciamento do seu funcionamento ordinario.

A deputada Noemí Outeda, delegada da escola, destaca que o actual equipo de Goberno vese obrigado a traballar en varias frontes porque o PP, a pesar de gobernar a Deputación durante 33 anos xa coa responsabilidade sobre a Escola de Cantería, non fixo nada por homologar os estudos. Máis aínda, a sede da Caeira, construída no ano 2000, carecía de licenza de actividade. Unhas deficiencias que atribuíu ao máis absoluto desleixo dos sucesivos gobernos conservadores, tanto na Deputación como na Xunta e no Goberno do Estado.

O edificio da Escola de Cantería foi construído a finais dos anos 90 e, durante a súa execución, foi obxecto de sucesivas modificacións e incidencias. Está dividido en dúas áreas, comunicadas por un vestíbulo central para o espazo docente e a nave-obradoiro. Suma un total de 5.600 metros cadrados construídos.

As obras que comezaron hoxe para adaptalo á normativa esixente para acoller estudos educativos e/ou laborais inclúen unha completa reforma interior, incluíndo tamén a apertura dun novo acceso principal desde un futuro aparcamento de 426 metros cadrados reservado para persoas con mobilidade reducida. Dentro do edificio será necesario modificar a totalidade das ramplas existentes na área docente, así como a substitución das varandas. Outra zona que vai ser obxecto dunha profunda reforma serán os vestiarios, onde estase a habilitar un aseo adaptado.

As obras afectarán tamén á instalación eléctrica, pois ademais de modificar o cadro de alimentación e substituír os diferenciais será necesario adaptalas tomas de corrente e instalar novas tomas de terra.

Para o cumprimento da normativa acústica será necesario substituír os falsos teitos nas aulas con maior reverberación, así como o trasdosado de varios paramentos verticais, así como das divisións entre aulas.

Capítulo á parte é a protección contra incendios, que vai obrigar a instalar lá de roca e pintura intumescente (que ofrece maior resistencia ao lume) e a apertura de ocos con portas de saída na nave do obradoiro para o cumprimento da normativa sobre distancias de evacuación. Ademais, colocaranse portas corta-lumes, modernos sistemas de alarma, pulsadores, extintores e novos detectores de fume. Adicionalmente, as obras servirán para a sinalización dos percorridos de evacuación.

Por último, o cumprimento da normativa en materia de riscos laborais obriga á instalación de "gaiolas" de protección nas máquinas de corte, así como á revisión da sinalización acústica e luminosa nas pontes-guindastre. Tamén alí haberá que pintar no solo as zonas de paso seguro.