Detalle

Carmela Silva asina convenios con catro entidades da provincia para a cesión de novas pezas realizadas pola Escola de Cantería

Trátase dun monólito de homenaxe a Fariña Jamardo, catro esculturas para os Premios do Festival de Cine Inclusivo de Vigo e pezas para dúas parroquias de Crecente

07 de xuño de 2019

Cesión de novas pezas realizadas pola Escola de Cantería

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou hoxe catro convenios de colaboración para a cesión de diferentes elementos, cuxo valor ascende a 10.400€, realizados en granito pola Escola de Cantería. Os convenios subscribíronse coa Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), coa Asociación de persoal funcionario para a normalización lingüística de Galicia e con dúas parroquias de Crecente. A través destes convenios, tal e como subliñou Silva, estase a espallar o traballo realizado polo alumnado da Escola de Cantería, como práctica na súa formación. Deste xeito, amais de poñer en valor a formación que reciben, tamén se está a dotar  de elementos patrimoniais ás diferentes vilas da provincia e enxalzar un oficio "que forma parte das nosas tradicións senlleiras, como é a cantería".

O convenio coa Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) supón a realización de catro esculturas para os premios do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que terá lugar entre o 23 e o 26 de outubro. Así, as pezas elaboradas polo alumnado da Escola entregaranse nas categorías de mellor curtametraxe e mellor documental, nas modalidades do premio do xurado e do público.

No caso do convenio coa Asociación de persoal funcionario para a normalización lingüística de Galicia, contempla a cesión dun monólito en homenaxe a Xosé Fariña Jamardo que esta tarde se inaugura en Caldas, con motivo do centenario do seu nacemento. Jamardo foi secretario xeral da Deputación e destacou pola súa contribución na galeguización das institucións.

En canto aos convenios asinados cos párrocos de San Roque do Freixo e de San Xoan Bautista, ambas en Crecente, contemplan a cesión de dúas esculturas, unha da Virxe do Camiño e outra de homenaxe a San Pelaio.