Detalle

Cangas homenaxea ao deporte olímpico da vila cunha escultura da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

A peza que descubriron o alcalde Xosé Manuel Pazos e a deputada Montse Magallanes honra a Teresa Portela, David Cal, Carlos Pérez ‘Perucho', Sonia Molanes e Rodrigo Germade

20 de xuño de 2019

Cangas homenaxea ao deporte olímpico da vila cunha escultura da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

Cangas xa ten o seu merecido homenaxe ás e os seus deportistas olímpicos. Unha escultura realizada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, colocada na nova praza dos Olímpicos, serviu hoxe para o recoñecemento a mulleres e homes que levaron o nome da capital do Morrazo polo mundo coa súa participación nas Olimpiadas. Así, a deputada delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes, xunto ao alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, descubriron esta peza escultórica en honor a Teresa Portela, David Cal, Carlos Pérez ‘Perucho', Sonia Molanes e Rodrigo Germade. Ademais desta escultura tamén entregouse unha peza de granito indicadora do nome da praza.

No acto, no que estivo presente o alumnado do Colexio Sagrada Familia de Cangas, tamén participou o piragüista Carlos Pérez 'Perucho', ouro olímpico en Pekín 2008. O deportista cangués, que ten recoñecida a categoría DEPO-Dan, a marca de elite da Deputación, tamén participou nos Xogos de Atenas 2004 e acumula 15 medallas entre Mundiais e Europeos.

Durante a inauguración, Montse Magallanes destacou que "unha das nosas funcións é pór en valor a magnífica cualificación profesional da Escola de Cantería e embelecer as rúas e prazas da provincia de Pontevedra co traballo do seu alumnado". Pola súa banda, o alcalde da vila do Morrazo, Xosé Manuel Pazos, agradeceu á Deputación a súa labor, xa que "a colaboración coa súa Escola de Cantería permítenos contar cunha escultura que serve para homenaxear como ben merecen a estes e estas deportistas que tanto éxito teñen acadado".

A escultura hoxe inaugurada é o elemento central da nova praza, a "praza dos Olímpicos" (explanada do entorno da nave de deportes náuticos de Aldán). A peza elaborada pola Escola de Cantería é unha composición nun só bloque de granito silvestre cos aros olímpicos sobre unha base de pedra que simula unha cola de balea.

Nesta praza a actuación completarase entre setembro e outubro coa colocación dunha segunda peza escultórica ao deporte náutico olímpico feminino. Nesta escultura, que está a elaborar a Escola de Cantería, a protagonista será a piragüista Teresa Portela, olímpica ata en 5 ocasións.