Detalle

Carmela Silva clausura no Centro Penitenciario da Lama o obradoiro de Elaboración de esculturas en pedra impartido por un mestre da Escola de Cantería

A presidenta felicitou ás internas e internos participantes por rematar o curso e animounos "a seguir potenciando a vosa formación como a mellor mostra de que queredes construír"

08 de xullo de 2019

CP A Lama

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo hoxe en valor o traballo en pedra na clausura do curso que a Escola de Cantería desenvolveu durante os últimos meses no Centro Penitenciario de A Lama. A través deste obradoiro, que levou por título "Elaboración de obras en pedra natural", dúas internas e nove internos formáronse nas técnicas para realizar pezas de artesanía en pedra, baixo a tutela do mestre canteiro Manuel Varela. O mestre canteiro foi felicitado pola presidenta provincial e longamente ovacionado polo alumnado que, nas súas intervencións resaltou "a súa entrega, dedicación e paciencia" no seu labor con todos eles e elas.

Acompañada polas deputadas Olga García e Normé Outeda, pola directora do Centro Penitenciario, Teresa Delgado, do subdirector e do persoal de formación, Silva subliñou o "positivo balance desta experiencia" e visitou a exposición dos traballos feitos polo alumnado do curso ao longo dos últimos cinco meses. A presidenta da Deputación se dirixiu aos 11 internos e internas participantes, que recibiron os seus diplomas, para volver resaltar as oportunidades que presenta este oficio. "Creo que a cantería é unha profesión que permite desenvolver a creatividade –destacou-, que nos permite estar en contacto con algo tan noso como é a pedra, o granito. Desde que nacemos, nós miramos granito e mar. De feito, en Galicia, pero sobre todo na provincia de Pontevedra particularmente, somos mar e pedra. E polo tanto, temos unha paixón e unha capacidade especial para traballala. E algo que é tan duro, porque parece tan difícil de traballar, ao final somos capaces de facer unha obra de arte con el. Cando a directora me propuxo facer este curso aquí pareceume que era unha idea moi boa, porque a creatividade ás persoas nos axuda".

A presidenta do goberno provincial agradeceu aos internos e internas que comezasen e finalizasen este obradoiro, "porque da mostra de que queredes construír", así como o labor desenvolvido polo mestre canteiro Manuel Varela, "que tamén tivo ideas como a de poder levarvos a coñecer a Escola". "Quen sabe se vos volvo a atopar na Escola, dixo Silva, pero decidades o que decidades, que vos vaia moi ben –concluíu-. Deséxovos que poñades toda a carne no asador e que sexades felices".

Pola súa banda, a directora do centro penitenciario, Teresa Delgado, puxo en valor na súa intervención a colaboración da Deputación a través do eido da formación. "Grazas ao apoio de institucións como a Deputación podemos chegar a loitar pola vosa reinserción a través da formación", sinalou. Felicitou aos once internos que recibiron os seus diplomas, e especialmente ás dúas internas que participaron, "por amosar co voso traballo e esforzo que a capacidade e actitude foi a mesma que á do resto dos homes, nun traballo de tradición masculina".

Ademais da mostra dos traballos, Carmela Silva tamén realizou unha visita por varios módulos do centro penitenciario, con parada nos obradoiros de barro e madeira onde conversou con varias internas e internos, e as instalacións do novo salón de peiteado que se acaban de rematar.

O curso de cantería impartido por Manuel Varela comezou en febreiro e tivo unha duración de 220 horas. A acción formativa estaba encamiñada a que as persoas participantes puidesen coñecer as técnicas para facer obras de artesanía en pedra. Ademais de dotarse dunha base sólida no cálculo e execución das pezas, o alumnado foi quen de aplicar técnicas propias e aprender a recoñecer os distintos tipos de pedra e ferramentas. O obradoiro tamén afondou na correlación da cantería e a escultura.