Detalle

A Deputación de Pontevedra remata as obras da Escola de Cantería, o que lle permitirá obter a licenza de actividade

Cun orzamento de case medio millón de euros a institución vén de rematar os traballos de adaptación á normativa vixente

27 de abril de 2020

Escola de Cantería

A Deputación de Pontevedra rematou as obras de adaptación da Escola de Cantería, que, cun orzamento de 440.000 euros, lle dan cumprimento á normativa en materia de accesibilidade, contaminación acústica, protección contra incendios e seguridade, condicións hixiénicas e de habitabilidade e prevención de riscos laborais. Así,  a institución provincial xa está en disposición de obter definitivamente a licenza municipal de actividade do Concello de Poio, un paso fundamental cara a lograr a formación regulada na escola e a homologación dos estudos actuais.

As obras da Escola de Cantería que acaban de rematar incluíron unha completa reforma interior. En concreto, substituíronse falsos teitos por teitos acústicos e realizouse un extradorsado sobre paramentos verticais nas divisións entre as aulas que non cumpren co illamento acústico. En canto á accesibilidade, executouse un acceso peonil, habilitáronse novas prazas de aparcamento para persoas con diversidade funcional, adaptouse un aseo e un vestiario e substituíronse ramplas interiores, varandas e pasamáns para cumprir coa normativa.

As obras afectaron tamén a instalación eléctrica, pois, ademais de modificar o cadro de alimentación e substituír os diferenciais, foi necesario adaptar as tomas de corrente e instalar novas tomas de terra. Por último, para asegurar a protección contra incendios, aplicouse pintura intumescente sobre estrutura metálica e lá de roca para unha maior resistencia ao lume e realizouse unha apertura de ocos con portas de saída na nave do obradoiro para cumprir a normativa sobre distancias de evacuación. Ademais, instaláronse sistemas de alarma, interruptores e extintores e substituíronse os detectores por uns novos. Adicionalmente, as obras servirán para a sinalización dos percorridos de evacuación e dos elementos PCI.

Nestes momentos, debido á situación derivada da COVID-19, a Escola de Cantería impártelle clases teóricas ao alumnado a través de Internet. Deste xeito, as e os estudantes están recibindo exercicios por correo electrónico de tres materias para que poidan avanzar nelas nas súas casas e facilitarlles así a formación continua.

Ademais, seguindo as recomendacións do Ministerio, de cara ao mes de xullo daráselle ao alumnado que o desexe a opción de poder asistir a clases de reforzo, tanto en obradoiros como nas materias teórico-prácticas. Por outra banda, en canto ás bolsas, a Escola de Cantería non deixou de traballar e xa tramitou o segundo prazo de bolsas do alumnado.