Detalle

Iníciase o procedemento para lograr a homologación do título de Cantería

A presidenta Carmela Silva explicou que "vai ser este Goberno quen consiga o que o ex alumnado da Escola leva 20 anos reclamando"

06 de outubro de 2018

Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da redacción do proxecto básico e de execución e da realización das obras de adaptación á normativa vixente para converter a Escola de Cantería nunha Entidade de Formación Profesional para o Emprego. "Con este paso iniciamos un procedemento sen marcha atrás para conseguir a licenza que nos permita solicitar a homologación do título de canteiro e canteira", explicou esta mañá a presidenta Carmela Silva.

"Os ex alumnos e as ex alumnas da Escola de Cantería levan 20 anos reclamando con xustiza esta homologación, un título fundamental para desenvolver unha actividade tan importante como a cantería. O anterior Goberno non fixo nada durante 17 anos e imos ser nós os que, de forma breve, logremos dita homologación", explicou Silva. "Comprendo o que pide o ex alumnado e por iso me ofrezo a reunirme con el en primeira persoa para ver como se pode favorecer a homologación dos seus títulos", continuou a presidenta. Silva tamén incidiu que, neste proceso, espera "que a Xunta de Galicia se poña do noso lado porque é a administración competente neste asunto".

A presidenta explicou que, para poder conseguir a licenza e a posterior homologación, levaranse a cabo obras na Escola de Cantería por un valor total de 440.000 euros, sendo 415.000 euros para obras e certificados e outros 25.000 euros para o proxecto e a dirección de obras. Cun prazo de execución de 9 meses, levaranse a cabo actuacións para a mellora das condicións hixiénicas, de habitabilidade e de seguridade; medidas correctoras de ruídos e de contaminación acústica; mellora de accesibilidade; melloras no aseos e nos servizos hixiénico sanitarios; así como para a instalación dos despachos de dirección e coordinación.