Detalle

Un cruceiro de cinco metros elaborado pola Escola de Cantería preside desde hoxe a subida á igrexa de San Paio de Lavadores

Carmela Silva: "Desde a Deputación queremos seguir levando as obras de cantería a todos os recunchos da provincia con ilusión por facer cousas que satisfagan á veciñanza"

07 de abril de 2021

Crucreiro en Lavadores

A subida á igrexa viguesa de San Paio de Lavadores en Vigo conta desde hoxe cunha nova referencia gracias á instalación dun cruceiro de pedra elaborado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A peza está culminada cunha imaxe moderna dun Cristo, pero inclúe tamén no fuste unha representación do Santo Paio (ou Pelayo). A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Abel Caballero, asistiron hoxe á estrea, en compañía do párroco, Plácido Vázquez, e un grupo de veciñas e veciños da parroquia. O cruceiro, cunha altura de cinco metros, é unha "elaboración coral" do alumnado e profesorado do centro de formación da Deputación e quedou instalado á altura do número 170 da rúa Cabalaria, a pouco máis de 50 metros do templo, un edificio relixioso que data dos anos 70 e que agora ve así embelecida o seu contorno.

Carmela Silva lembrou que tanto Galicia como a provincia de Pontevedra e Vigo son "terra de cruceiros e de canteiros e canteiras. Somos un pobo que traballa moi ben a pedra de forma secular, de feito o noso alumnado traballou por todo o mundo". A presidenta provincial puxo en valor o papel da Escola de Cantería, un centro "do que sentimos orgullo", e deixou claro que a Deputación quere que "continúe habendo obra deses canteiros e canteiras e que siga quedando en cada un dos recunchos da nosa provincia, moi particularmente en Vigo onde estamos a facer moitas obras a través da Escola". Carmela Silva resaltou a ledicia que supón inaugurar un cruceiro e atoparse rodeada de veciñas e veciños e a "ilusión por facer cousas que satisfagan á veciñanza" á que agradeceu a súa presenza no acto.

Pola súa banda, Abel Caballero definiu aos cruceiros como "lugares de encontro, lugares para identificar os territorios, os espazos e as persoas". Ademais, deixou claro que son "unha parte importante da antropoloxía, da forma de entendernos e transitar por todos os lugares de Galicia, e neste caso de Vigo". O alcalde de Vigo deixou claro que con esta inauguración "vanse a marcar os tempos a partir de agora" posto que se falará da igrexa pero tamén do cruceiro. Aproveitou a ocasión para felicitar tanto á Deputación como ás persoas autoras da obra por realizar unha "combinación fantástica" entre a arte modernista e o románico tradicional. Na súa intervención Abel Caballero tamén resaltou o tamaño do cruceiro "unha escultura monumental pero chea de sentimentos e de sensacións".

O párroco de San Paio contou como hai tres anos un veciño da parroquia considerou importante contar cun cruceiro nos arredores a igrexa e acudiron á Deputación de Pontevedra, da que resaltou unha "resposta inmediata". Plácido Vázquez lembrou como desde aquel momento as e os membros da Escola de Cantería puxeron "as súas ideas, experiencia e coñecemento para plasmalo neste fermoso cruceiro modernista". Puxo en valor que Vigo "é unha cidade fermosa que vai medrando polos barrios e hoxe as bonitas vistas que temos sobre a ría e a cidade acrecéntanse con esta marabillosa obra da Deputación".

O cruceiro ten un peso que supera as catro toneladas e foi elaborado expresamente para este emprazamento, cunha base formada por dúas pezas en cuña para adaptarse ao terreo. Trátase do primeiro cruceiro no contorno desta igrexa nunha zona na que tamén hai varios petos de ánimas, obra do escultor Camilo Nogueira e datados a principios do século XX.

Un centro referente

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra forma no traballo da pedra e estimula a vocación artística. Gran parte das antigas alumnas e alumnos desta escola son hoxe profesionais de prestixio que traballan tanto na creación de obra como en restauración histórico-artística. Boa proba son os traballos desenvolvidos na restauración de monumentos como a Sagrada Familia de Barcelona, a catedral de Santiago, a de Westminster en Londres ou o Capitolio de Washington. A pegada da Escola de Cantería pode seguirse tamén a través das pezas elaboradas nos seus obradoiros que están en Estados Unidos, Brasil, Venezuela, Filipinas, Bolivia, Nicaragua, México, Arxentina, Uruguai, Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal, así como diversos puntos de España.