Detalle

A Deputación e o Concello de Cangas renden homenaxe á piragüista Teresa Portela cunha escultura que "preside para sempre" o porto de Aldán

A peza foi elaborada polos ex-alumnos da Escola de Cantería Daniel Acuña e Víctor Manuel Casal e representa á deportista de Aldán "traballando duro e en silencio"

14 de marzo de 2021

Teresa Portela

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Cangas homenaxearon hoxe a Teresa Portela, unha das grandes do piragüismo mundial, coa descuberta da peza escultórica instalada na praza Olímpicos do porto de Aldán. No acto de presentación da escultura, elaborada pola Escola de Cantería da Deputación, participaron as deputadas de Igualdade, Victoria Alonso, a delegada da Escola de Cantería, Noemí Outeda, así como a propia deportista Teresa Portela e a tenente de alcalde, Sagrario Martínez. Xunto a elas estiveron concelleiras/os de Cangas, incluída a oposición municipal, e representantes do movemento veciñal e dos clubs de piragüismo de Aldán.

Victoria Alonso deu as gracias a Teresa Portela "por tantas alegrías e por facernos sentir orgullosas de ti; de nós". A deputada de Igualdade cualificou á peza como "unha homenaxe a tódalas Teresas que hoxe saltan lonxitude, regatean, reman ou xogan ao baloncesto ou ao fútbol, e ás que virán e levarán á provincia e a Galicia polo mundo do deporte, que é o mundo da Igualdade".  "Creo que é moi acaído que esta  escultura se descubra no mes das mulleres como é o do 8M, porque supón unha oportunidade de visibilizar e recoñecer a tódalas mulleres do deporte da provincia". Así, destacou que a Deputación continúa a dar pasos na loita contra a discriminación como a equiparación co deporte masculino nos baremos das subvencións, ou a aposta igualitaria nas bolsas ás deportistas promesas e de elite, entre as que está Teresa.

17 toneladas de granito

A peza representa á Teresa Portela a bordo da súa piragua, e foi construída en granito por dous ex-alumnos da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, Daniel Acuña Mariño e Víctor Manuel Casal Nogueira, sobre unha base, que representa á ría, coa inscrición "Traballa duro, pero en silencio. Deixa que o éxito se encargue de facer todo o ruído".  O bloque ten un peso de 17 toneladas e unhas medidas de algo máis de 5 metros de longo por 2,40 de altura e 0,75 de fondo. Sobre el aséntase unha piragua de 2,20 metros. A deputada delegada da Escola, Noemí Outeda, puxo en valor o traballo e a calidade do alumnado de Cantería, "unha Escola que é o centro de referencia na formación do tratamento da pedra en Galicia". Nos últimos anos numerosos mestres e mestras formados nas instalacións de A Caeira (Poio) teñen participado nas obras de restauración de emblemáticos monumentos históricos como A Sagrada Familia, en Barcelona, a Catedral de Santiago de Compostela, a Catedral de Westminster de Londres e mesmo nas obras de recuperación do edificio do Capitolio en Washington, Estados Unidos.

Teresa Portela

A padexeira de Aldán conta cun palmarés  no que figuran 15 medallas no Campionato Mundial de Piragüismo entre os anos 2001 e 2019, outros 17 metais europeos entre 2001 e 2013 e a clasificación para  cinco Xogos Olímpicos entre os anos 2000 e 2016. Conta, por tanto, con diplomas olímpicos de Sidney, Atenas, Pekín, Londres e Río. Actualmente está tamén clasificada para os Xogos Olímpicos de Tokio. Será, con 38 anos, a primeira española en participar en seis edicións dos Xogos.