Detalle

A exposición "Nado en Pedra" chega este mércores a Silleda

A mostra será inaugurada pola deputada de Emprego, Montse Magallanes, e está composta por unha vintena de esculturas que se poderán visitar ata finais de agosto

31 de xullo de 2018

Nado en Pedra

A deputada provincial de Emprego, Montse Magallanes, acompañada polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, inaugurará este mércores, ás 13:00 horas na Carballeira das Pedrosas do municipio do Deza, a exposición itinerante "Nado en Pedra. Formas e figuras" da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A mostra, que segue a percorrer os concellos da provincia poderá visitarse en Silleda ata finais de agosto.

"Nado en Pedra" está composta por unha vintena de pezas de grande tamaño e algunhas delas, que teñen por temática central a figura humana, chegan a pesar máis de 1.000 quilos. A través destes traballos amósanse algúns dos oficios tradicionais e máis senlleiros como o de ferreiro, o de costureira ou o de canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá e tamén da emigración.

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo conservar e promover un dos oficios máis antigos de Galicia, desenvolve as súas actividades como un obradoiro de traballo artesanal en pedra, que combina o ensino teórico e o práctico. Os traballos do alumnado e do profesorado deixaron pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia e de todo o mundo: Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), A Paz (Bolivia), Nova York (EEUU), Nicaragua, Querétaro (México), Rio Gallegos e Bos Aires (Arxentina), Montevideo (Uruguai), Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal; así como na realización de hórreos e outras obras que locen en distintos puntos de España e do estranxeiro.

Tamén son numerosos as alumnas e alumnos da Escola de Cantería que forman parte dos equipos de restauración de emblemáticos edificios históricos como son A Sagrada Familia, a catedral e Santiago de Compostela, a catedral de Westminster, así como obras de recuperación do Capitolio en Washington.