Detalle

A Deputación felicita ao mestre Rodrigo de la Torre, formado na Escola de Cantería, gañador do premio Driehaus das Artes da Construción

O canteiro foi recoñecido con este prestixioso galardón, que se concede en España aos máis destacados mestres dos oficios da construción tradicional, na categoría de traballos de cantería e albanelería

24 de setembro de 2020

O goberno da Deputación de Pontevedra trasladou hoxe a súa felicitación ao mestre Rodrigo de la Torre, formado na Escola de Cantería da institución provincial, que acaba de ser distinguido cun dos Premios Richard H. Driehaus das Artes da Construción, os galardóns que se conceden en España aos máis destacados mestres dos distintos oficios da construción tradicional, contribuíndo así á súa preservación e continuación.

De la Torre foi gañador do premio na categoría de traballos de cantería e albanelería, que recoñece así a súa dilatada traxectoria profesional ao longo de trinta anos no sector. O valisoletano, cuxa familia paterna dedicouse á construción e cuxo avó tamén era canteiro, é mestre de cantería e o seu principal campo de actividade é o da conservación e restauración de monumentos. Neste senso, ten feito intervencións en numerosas catedrais, colexiatas, igrexas e monumentos de carácter civil de Castela e León, Aragón, País Vasco, Cataluña e a Comunidade Valenciana

Como destacou no vídeo que acompaña o seu recoñecemento, foi na Escola de Cantería da Deputación en Poio onde descubriu que  traballar a pedra era ao que quería dedicarse. E subliña que o seu "motor profesional" é que o seu traballo "consiste basicamente en aprender do que estás vendo que se fixo, o que nos permite comprender o que somos", ao tempo que destaca a importancia de "participar en manter as sinais de identidade colectivas" a través deste oficio tradicional". De la Torre traballa con diferentes tipos de pedra e, como destaca a organización dos citados premios, "lle ten permitido coñecer, estudar e dominar múltiples procedementos, técnicas e acabados".

Entre os monumentos nos que ten intervido este mestre canteiro hai que citar as catedrais de Palencia, León, Santo Domingo da Calzada, Calahorra, Girona, Ávila, Vitoria, Jaca, Tudela e Burgos. Tamén traballou noutros espazos como o Arco romano de Medinaceli, o Mosteiro de Santa María de Huerta ou o Mosteiro de Santa María a Real de Nájera. Doutra banda, como destaca a organización dos galardóns, ten colaborado nos estudos previos á restauración de numerosos monumentos e no deseño das solucións construtivas máis adecuadas en cada unha das actuacións a realizar. Deste xeito, os seus traballos para a restauración do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago foron especialmente significativos.

Ten tamén unha dilatada traxectoria como mestre de obradoiro e coordinador de numerosos equipos de cantería a pé de obra, docente en cursos de formación profesional e emprego e divulgador do oficio en distintos programas universitarios especializados en restauración arquitectónica, así como en diversas publicacións.

Os Premios Driehaus son convocados anualmente polo International Network for Traditional Building Architecture and Urbanism (INTBAU), co apoio do Richard H. Driehaus Charitsable Lead Trust, unha entidade filantrópica norteamericana dedicada a promover proxectos de conservación de patrimonio, arquitectura e urbanismo. Na iniciativa colaboran o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o de Cultura e Deporte, a Fundación Ekaba, o Premio Rafael Manzano Martos e o Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España. A creación destes galardóns pretende contribuír ao mantemento das artes tradicionais da construción, estimulando o recoñecemento a estes mestres e mestras e o interese por dar continuidade a estes oficios e promover a súa excelencia. Amais da categoría de cantería e albanelería, os premios tamén distinguen a profesionais dos traballos da madeira, acabados e outros traballos de construción tradicional e traballos de metal e vidro.