Detalle

Arranca o novo curso da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

Preto de 30 alumnas e alumnos recibirán a formación da escola estimulando a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da pedra

01 de outubro de 2018

inicio do curso

Este luns 1 de outubro deu comezo nas instalacións de Poio o novo curso da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. Ao acto de apertura asistiu a deputada de emprego Montse Magallanes, que deu a benvida ao preto de 30 alumnas e alumnos que cursarán os estudos ofertados pola escola, que aconsellou ao alumnado que "aproveite este curso porque poderedes traballar nas mellores instalacións de toda España e cun profesorado e equipo directivo moi implicado na vosa formación".

Ademais, Magallanes informoulles de que "desde a Deputación de Pontevedra levamos anos traballando para conseguir a homologación dos títulos que imparte este centro porque o consideramos moi importante e xa estamos moi preto de conseguilo". Neste senso, explicou que "as obras necesarias para conseguir a homologación xa están en proceso de adxudicación do proxecto e da execución da obra e a partir de aí esperamos que sexa este mesmo curso cando estea todo rematado e preparado para solicitar a homologación, que prevemos que estaría resolta de cara ao vindeiro curso".

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra está dirixida a persoas menores de 35 anos que teñan na súa posesión o título de graduado escolar ou que rematasen o nivel educativo equivalente. O centro educativo oferta dúas modalidades de formación, a ordinaria, en primeiro lugar, para a formación en canteiro ou canteira e mestre ou mestra, e a específica, en horario nocturno, dirixida a persoas con coñecementos previos en cantería.

Este ano a Escola de Cantería conta con 11 alumnos en formación ordinaria, distribuídos entre cinco anualidades (a formación en canteiro ou canteira dura tres anualidades, mentres que a de mestre ou mestra dura cinco). Nesta modalidade, o alumnado recibe formación nas materias de debuxo artístico, debuxo técnico, construción, historia da arte, cantería, escultura e modelado. Por outra banda, están matriculadas na formación específica un total de 16 alumnas e alumnos que recibirán formación en escultura e cantería.

Durante o acto de presentación deste novo curso, a deputada de emprego, Montse Magallanes, lembrou que a Deputación de Pontevedra está por en marcha unha ambiciosa campaña informativa para dar a coñecer a escola, así como novidades relativas á homologación oficial do titulo de Cantería e as novas obras e exposicións postas en marcha coas pezas elaboradas polo alumnado do centro. Deste xeito, nas vindeiras semanas un mestre canteiro visitará diferentes centros de educación secundaria e FP como o CPR Santo Tomás do Porriño, o IES Pintor Colmeiro de Silleda ou o CPR Virxe Milagrosa de Bueu.

Desde o ano 1979 a Escola de Cantería ensina a traballar a pedra e a estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da elaboración dos traballos en pedra. As persoas que estudan na Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra reciben unha formación moi completa estudando, ademais de cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción e realizando prácticas de laboratorio e informática. Xunto á formación regrada para obter o título de canteira ou canteiro e mestra canteira ou mestre canteiro, tamén se imparte formación complementaria sobre programas de deseño asistido, cursos de Autocad, de Photoshop, de primeiros auxilios ou de riscos laborais.

A formación que o alumnado recibe nesta escola é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas traballaron na restauración do Capitolio de Washington, a restauración do barrio de Chiado de Lisboa, traballos de restauración e rehabilitación da Catedral de Santiago, a construción da Sagrada Familia de Barcelona e tamén na Catedral de Westminster, de Londres.