Detalle

A Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia a exposición "D'Pedra" da Escola de Cantería

A mostra reúne unha vintena de pezas de diversa temática realizadas por alumnas e alumnos do centro dependente da Deputación de Pontevedra

21 de xullo de 2019

dPedra

A Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia unha nova exposición do traballo en pedra da Escola de Cantería. Trátase da mostra "D'Pedra", composta por unha vintena de pezas de diversa temática elaboradas polas alumnas e alumnos da Escola. Son pezas exteriores de granito que na súa meirande parte representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá.

"D'Pedra" é unha exposición que non só fai fincapé na actividade que mozas e mozos desenvolven neste centro de formación, senón que tamén serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega. Entre os seus obxectivos figura a achega da arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional. As pezas que se exhiben son obra de Patricia Pazó Vázquez, Alejandro García Álvarez, Marcos Lareo García, Álvaro Somoza López, Rubén Gil Rodríguez, Santiago Rey López, Marcel Kahlbrandt, José Sampedro Caamaño, Jonathan Mariñas García, José Gómez de Bernardo, Lorenzo Lede Mouriño, Jonathan López Otero e Jason Pérez.

Os concellos xa poden informarse e solicitar esta mostra a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Ao igual que sucedeu o ano pasado coa exposición "Nado en Pedra", esta nova mostra poderá solicitarse por un prazo máximo dun mes e cada concello asumirá o traslado e a instalación das esculturas, ademais de encargarse da súa protección.

A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. Así, os seus traballos están presentes en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (Estados Unidos), Querétaro (México), Buenos Aires (Arxentina) o Montevideo (Uruguai) entre outros países.

Ademais, o alumnado ten participado nas obras de restauración de emblemáticos monumentos, como a A Sagrada Familia de Barcelona, a catedral de Santiago, a catedral de Westminster de Londres ou mesmo as obras de recuperación do edificio do Capitolio de Washington.