Detalle

A Deputación solicítalle unha entrevista á conselleira de Educación para traballar conxuntamente na transferencia da Escola de Cantería

A deputada Noemí Outeda pide tamén, "consciente do enorme interese demostrado pola Xunta de Galicia", que nos próximos Orzamentos se faga cargo do 50 % do custo de funcionamento do centro

24 de setembro de 2019

Entrevista á conselleira de Educación

A Deputación de Pontevedra, a través da deputada delegada da Escola de Cantería, Noemí Outeda Prol, acáballe de remitir unha carta á conselleira de Educación, Carmen Pomar, na que lle solicita unha entrevista urxente, como persoa titular do órgano que ten atribuída en exclusiva as competencias en materia de ensino regrado en Galicia, "para seguir avanzando nos trámites de cara á transferencia da Escola".

A carta é consecuencia da moción presentada polo grupo provincial do PP, aprobada no Pleno do pasado día 13 por unanimidade, na que se acordou solicitarlle ao Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL) a creación de ciclos de Formación Profesional que homologuen e incorporen ao sistema educativo regrado galego os estudos tradicionais da Escola de Cantería. A moción continúa a senda xa comezada pola Deputación de Pontevedra na recta final do pasado mandato, dado que o día 4 de marzo tamén se aprobou, por unanimidade, outra iniciativa do grupo provincial socialista no mesmo sentido.

A deputada Outeda Prol parte de que a tramitación ante o INCUAL é un proceso longo e complexo que remata coa aprobación dun Real decreto, isto é, que terá repercusións lexislativas. Por iso, explica que a Deputación está actualmente en pleno proceso de regularización urbanística das instalacións construídas en Poio no ano 2000, coa súa adecuación á normativa sobre seguridade, accesibilidade e contaminación acústica de cara á obtención da licenza municipal de actividade, dado que na actualidade funciona en precario. Unha vez completada a normalización da situación urbanística, pide a axuda da conselleira de Educación para axilizar a creación de dous certificados de profesionalidade por parte da Xunta de Galicia como paso intermedio ata a obtención, xa rematados todos os trámites, dos títulos de FP.

Noemí Outeda conclúe que, "ante o enorme interese que demostrou a Xunta de Galicia en relación co futuro da Escola de Cantería", cómpre solicitar tamén que nos próximos Orzamentos autonómicos para o ano 2020 a Consellería de Educación se inclúa unha partida económica específica, correspondente ao 50 % do custo de funcionamento deste centro único en toda Galicia e referencia mundial. "Facelo así sería demostrar con feitos a coherencia dunha Administración autonómica que di apoiar as profesións tradicionais de máis arraigamento en Galicia".