Detalle

A Escola de Cantería da Deputación participa novamente na Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas

O centro educativo da Deputación presenta na Feira, por terceiro ano consecutivo, a súa oferta formativa e os traballos que realiza o alumnado

03 de febreiro de 2020

Alumno Escola de Cantería

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra será unha das protagonistas da terceira edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas, que terá lugar o martes 4 e o mércores 5 de febreiro na vila do Condado. Ao longo destes dous días a veciñanza e mocidade de Ponteareas e da comarca coñecerá a oferta formativa deste centro da institución provincial no complexo deportivo Álvaro Pino.

Máis polo miúdo, representantes da Escola de Cantería presentarán a formación que ofrece o centro; é dicir, os títulos de Canteira e Canteiro e de Mestra Canteira e Mestre Canteiro. Ademais de impartir formación para aprender a traballar a pedra e estimular a vocación artística, no centro impártense cursos de modelaxe, escultura, debuxo técnico e artístico, historia da arte e construción, así como prácticas de laboratorio e informática.

A instrución que recibe o alumnado é eminentemente práctica, e moitas das súas obras de arte, coma cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, pedestais ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en varios lugares de Galicia e de España, ademais de en Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Á parte diso, antigas alumnas e alumnos da Escola están a traballar en obras emblemáticas coma o Capitolio de Washington, a restauración do barrio do Chiado de Lisboa, a catedral de Santiago, a Sagrada Familia de Barcelona ou a catedral de Westminster, en Londres.

Xunto coa Escola de Cantería, tamén participarán na terceira edición da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas vinte expositoras e expositores de centros de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas especiais para dar a coñecer as diferentes alternativas profesionais das que dispón o alumnado.