Detalle

A Deputación anima á mocidade a coñecer o traballo en pedra da Escola de Cantería e valoralo como unha opción de futuro

02 de xuño de 2021

A Escola de Cantería ten aberto ata o 12 de setembro o prazo de preinscrición para formarse nun dos oficios máis antigos de Galicia. O centro da Deputación de Pontevedra volve ofertar para o curso 2021-2022 as titulacións de canteira/o e mestra/e canteira no seu afán por estimular a vocación artística e conservar e promover o patrimonio da arquitectura tradicional. Para animar á poboación a realizar estes estudos a Deputación vén de lanzar na web institucional e nas súas redes sociais un audiovisual no que a presidenta provincial, Carmela Silva,  deixa claro que este "é un traballo con futuro" posto que "a pedra xunto coa auga é a alma de Galicia" e lembra que a Escola ten "canteiros e canteiras traballando nas obras máis importantes do mundo". Xunto a Carmela Silva aparece no audiovisual alumnado e ex-alumnado da Escola que explica as súas experiencias e como lles serviron para acadar as súas metas laborais.

Todas as persoas que queiran acceder aos estudos deben encher un formulario de preinscición dispoñible no sitio web da Escola (https://escoladecanteria.depo.gal/). Logo terán do 13 ao 24 de setembro para formalizar a súa matrícula, para o que necesitarán achegar toda a documentación requirida. O curso comezará o 1 de outubro e levarase a cabo de xeito presencial cumprindo con todos os protocolos de seguridade sanitaria. Os estudos para ser canteira/o teñen unha duración de tres anos, durante os cales se impartirá unha formación moi práctica que se centrará na construción, escultura, restauración e rehabilitación. Para acceder será necesario posuír un título de graduado escolar ou equivalente e superar as probas de selección. No caso dos estudos de mestra/e canteira, cunha duración de dous anos adicionais, é preciso posuír o título de cantería.

A Escola de Cantería é un centro de formación único a nivel mundial que ofrece coñecementos ancestrais herdados do gremio á vez que combina unha sólida formación teórica co acceso á tecnoloxía actual. As obras que realiza o alumnado e ex-alumnado da Escola locen por todos os recunchos da provincia, como a peza dedicada a Teresa Portela inaugurada en Cangas no mes de marzo ou o cruceiro que preside dende abril a subida á igrexa de San Paio de Lavadores, en Vigo. Do mesmo xeito chegan a lugares de todo o mundo como Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal.  Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en proxectos tan emblemáticos coma a restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, ou as actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.