Detalle

A Escola de Cantería comeza un novo curso cun incremento do alumnado e cos trámites para a creación dos ciclos de FP en marcha

A deputada Noemí Outeda recibe as e os 14 estudantes e anúncialles o inminente comezo das obras na sede, a solicitude dos certificados de profesionalidade e o inicio das xestións ante o INCUAL para os futuros títulos de Formación Profesional

01 de outubro de 2019

Comezo novo curso escolar

A Escola de Cantería de Poio iniciou un novo curso académico con importantes novidades. A principal é o incremento das prazas de matrícula, que permitiu pasar de 11 a 14 alumnas e alumnos, pero tamén será un ano marcado pola realización de obras na sede da Caeira, así como de traballo administrativo para a homologación dos estudos con dous certificados de profesionalidade por parte da Xunta de Galicia e para a futura creación, a máis longo prazo, de dous ciclos de Formación Profesional de canteira ou canteiro e de mestra canteira ou mestre canteiro.

A deputada delegada da Escola, Noemí Outeda, foi a encargada de darlle a benvida ao alumnado, acompañada dos deputados Gregorio Agís e Ana Laura Iglesias, xunto coa directora do centro, Conchita López. Na súa intervención destacou os importantes cambios que se aveciñan: "Estamos a facer en pouco tempo as cousas que non se fixeron en moitos anos", subliñou antes de destacar que hai indicios que permiten ver o futuro do centro con optimismo. A deputada engadiu que, de feito, a oferta de matrícula se dobrou: pasáronse das 4 incorporacións no primeiro curso do ano pasado ás 8 desta edición.

Noemí Outeda destacou que a Deputación xa remitiu o pasado día 25 a solicitude para iniciar o procedemento de creación dos ciclos de FP ante o Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL). A partir de agora será este órgano estatal interadministrativo, no que tamén están representadas as comunidades autónomas e as organizacións sindicais e empresariais, o que asuma os trámites ata a modificación do Catálogo Nacional de Cualificacións, vía Real decreto. Nese momento, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, terá que asumir a transferencia da Escola, que pasará a converterse nun centro público de Formación Profesional regrada.

Mentres tanto, a Deputación aposta pola creación de dous certificados de profesionalidade, títulos habilitantes no mercado laboral, para o alumnado que remate a súa formación. Con vistas a cumprir todos os requisitos necesarios que esixe a expedición dos certificados, a semana próxima comezan as obras de acondicionamento do edificio, valoradas en 440.000 euros, que o adaptarán á normativa en materia de seguridade, accesibilidade e contaminación acústica. Porase fin, deste xeito, á irregularidade urbanística que supoñía que carecese de licenza municipal de actividade.

A deputada congratulouse de que o curso empece con 14 alumnas e alumnos, con 8 que comezan os seus estudos, o que supón un avance con respecto ás 11 persoas do ano pasado. Unha delas é Lucía Beltrán, unha coruñesa de 23 anos que está a rematar o seu grao na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que quere complementar a súa formación dun xeito práctico e orientado cara á escultura. O alumnado non ten un perfil claro, pois vai dos 17 anos do alumno máis novo ata os 40 do maior. Case todo é galego, agás un mozo madrileño que, tras completar o Bacharelato, optou por vir formarse á Escola de Cantería, e un mexicano, que tamén elixiu este centro.

Noemí Outeda destacou que se trata dun centro "único no mundo" e que este ano afronta un curso moi especial, pois cumpre 40 anos desde a súa creación. A deputada indicou que a Escola de Cantería vai dando pasos adiante e lembrou que o alumnado que pasou por estas instalacións goza dun prestixio recoñecido, pois xa participou en traballos de restauración no Capitolio de Washington, na Sagrada Familia de Barcelona ou na catedral de Westminster de Londres, entre outros.

A Escola de Cantería naceu no mosteiro de Poio para dar saída á formación nun oficio tradicional galego e foi asumida pola Deputación de Pontevedra hai 33 anos. Desde o ano 2000 conta con instalacións propias en Poio e agora, acabando co desleixo de moito tempo, dá un novo salto de calidade coa adaptación do edificio á normativa vixente e coa homologación progresiva dos estudos nos eidos laboral e educativo.