Detalle

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra reabre as instalacións e inicia o prazo de preinscrición para o vindeiro curso

Cun exhaustivo protocolo fronte á COVID-19, o centro abriu as súas portas para traballos administrativos e no obradoiro, así como para a docencia presencial cara ao alumnado que voluntariamente decida asistir ás clases

03 de xuño de 2020

Alumno da Escola de Cantería

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra acaba de reabrir esta semana as súas instalacións, baixo un estrito protocolo de medidas de protección e prevención fronte á COVID-19. Ademais, o centro acaba de iniciar tamén o procedemento de preinscrición para os estudos de Cantería correspondente ao vindeiro curso 2020-2021.

O devandito protocolo para o desenvolvemento da actividade no centro con plenas garantías sanitarias estableceu a súa apertura para a realización de funcións administrativas, traballos no obradoiro e a docencia presencial para o alumnado que voluntariamente decida vir ás clases, respectando en todo caso a distancia interpersoal de dous metros. No que atinxe ás materias de aula (teóricas) continúase coas clases en liña para estudantes de primeiro, segundo e terceiro curso de Cantería.

Doutra banda, intensificáronse as medidas de limpeza e desinfección nas instalacións, utensilios e materiais. Entre outras medidas, cada aula ou zona de obradoiro están dotadas de xel hidroalcohólico e dun recipiente específico para a eliminación de material para refugar e todas as persoas deben usar máscaras nos espazos do centro. Doutra banda, o alumnado, persoal de obradoiro e profesorado debe de dispoñer das súas ferramentas de traballo e proceder á súa desinfección unha vez finalizado o seu uso. Ademais, se intensificou tamén o lavado de mans de forma regular entre o alumnado e os vestiarios e aseos úsanse de modo individualizado.

No que respecta ao prazo de preinscrición para estudar no centro o vindeiro curso 2020-2021 as titulacións de Cantería ou de mestre/a de Cantería, estará aberto ata o 14 de setembro. As persoas interesadas só teñen que cubrir un formulario dispoñible na páxina web da escola, escoladecanteria.depo.gal. Posteriormente, do 17 ao 28 de setembro, terán que formalizar a matrícula achegando toda a documentación necesaria.

Para acceder aos estudos de Cantería é necesario posuír un título de graduado escolar ou equivalente. Son tres anos de formación teórica, pero sobre todo práctica, e hai 25 prazas dispoñibles para cada curso. Os ámbitos profesionais futuros ao rematar os estudos céntranse sobre todo na construción, na escultura, na restauración e na rehabilitación. E para optar aos estudos de mestre/a de Cantería, é necesario ter o título de Cantería e son dous anos de formación. Son tamén 25 prazas por curso.

Os estudos que realizan as alumnas e alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos e supoñen a realización de múltiples obras e traballos durante o tempo de formación. Moitas destas obras, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peañas ou construcións arquitectónicas rematan en lugares de toda Galicia, de toda España e tamén do estranxeiro, como en Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal. Ademais, antigas alumnas e alumnos da escola chegaron a traballar en sitios emblemáticos de todo o mundo, coma na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, así como actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.