Detalle

A Escola de Cantería da Deputación elabora os galardóns para a IV Gala do Deporte Local de Poio

Trátanse de cinco esculturas en granito con forma de dorna que queren representar os valores da práctica deportiva e a recuperación das tradicións

25 de febreiro de 2020

Esculturas de dornas

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o alcalde de Poio Luciano Sobral veñen de asinar un convenio de colaboración a través do cal a Escola de Cantería da institución provincial encárgase da elaboración das esculturas para os galardóns da IV Gala do Deporte Local de Poio. En liñas xerais, trátanse de cinco pezas en granito con forma de dorna que pretenden representar os valores da práctica deportiva e a recuperación das tradicións.

Máis polo miúdo as cinco dornas en pedra elaboradas pola Escola de Cantería teñen por obxectivo transmitir os valores que identifican o mundo deportivo como son a convivencia, a superación, o traballo en equipo ou o fomento da coeducación. Ademais, o feito de ser pezas elaboradas pola Escola de Cantería e figuras que representan a tradicional dorna das Rías Baixas, pretende tamén poñer en valor a importancia de recuperar as tradicións e a defensa do patrimonio histórico da provincia.

As dornas serán entregadas durante o transcurso da IV Gala do Deporte Local de Poio, na que se premiarán ás persoas relacionadas co concello que teñen especial significación no ámbito deportivo.