Detalle

A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo de inscrición para estudar na Escola de Cantería

Para acceder a estes estudos, é preciso posuír o título de graduado escolar ou equivalente, e as persoas interesadas poden anotarse ata o 13 de setembro

02 de xuño de 2019

Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra abre este luns 3 de xuño o prazo de inscrición para acceder aos estudos de cantería, un prazo que rematará o 13 de setembro. As persoas interesadas só teñen que cubrir un formulario dispoñible na páxina web da Escola, escoladecanteria.depo.gal. Posteriormente, do 16 ao 27 de setembro, terán que formalizar a matrícula achegando toda a documentación necesaria.

Para acceder aos estudos de cantería é necesario posuír un título de graduado escolar ou equivalente. Son tres anos de formación teórica, pero sobre todo práctica, e hai 25 prazas dispoñibles para cada curso.  Os ámbitos profesionais futuros ao rematar os estudos céntranse sobre todo na construción, na escultura, na restauración e na rehabilitación.

Os estudos que realizan as alumnas e alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos e supoñen a realización de múltiples obras e traballos durante o tempo de formación. Moitas destas obras, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas rematan en lugares de toda Galicia, de toda España e tamén do estranxeiro, como en Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal.  Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en sitios emblemáticos de todo o mundo, coma na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, así como actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.