Detalle

A Deputación investirá 370.000 € na cuberta e fachada da zona de aulas da Escola de Cantería

Carmela Silva: "Recibimos esta Escola sen sequera ter a licenza municipal e estamos a investir recursos continuamente para que estea nas mellores condicións"

02 de maio de 2022

Xunta de goberno

A Deputación continúa a investir recursos para que a Escola de Cantería "estea nas mellores condicións", tal e como asegurou a presidenta Carmela Silva. Neste caso, o Goberno vén de aprobar o expediente para a contratación das obras de reparación da cuberta e da fachada da zona de aulas que suporá un novo investimento na Escola de 370.000 euros. "Recibimos esta escola sen sequera ter a licenza municipal", recordou Carmela Silva, entre os graves defectos que se atoparon que tiveron que ser corrixidos.

Con estas obras darase solución aos problemas de filtracións no tellado e na fachada que afectan ao confort e funcionalidade do edificio na zona das aulas. Así, a mala execución do tellado orixinal, de panel tipo sándwich, arranxarase instalando unha sobrecuberta, que se colocará sobre a actual, a partir dunha estrutura metálica que garantirá a continuidade estética e solucionará a problemática da entrada de auga. Tamén se substituirá a rede de evacuación de augas pluviais e trasladarase o lucernario existente a unha nova posición que garanta a estanquidade. No que respecta á fachada, vaise realizar un recubrimento illante e térmico que se aplicará sobre o exterior, mellorar os tubos de ventilación da cámara de aire e renovar as baixantes para arranxar a problemática de filtracións de auga.

Xunto a estas obras, a Deputación de Pontevedra xa tivo que investir no 2020 outros 440.000 euros no arranxo dos defectos da execución da Escola de Cantería. Así, solucionáronse os problemas de accesibilidade, garantindo o acceso peonil, dotando ao centro de prazas de aparcamento para persoas con diversidade funcional, adaptando aseos e vestiarios e substituíndo ramplas interiores, varandas e pasamáns para cumprir coa normativa. Amais, e para facer fronte á contaminación acústica, construíronse falsos teitos acústicos e trasdosados illantes entre aulas e, no que respecta á seguridade, realizáronse melloras nas instalacións eléctricas e de protección contra incendios.