A ermida da Virxe do Camiño de Crecente xa conta coa escultura da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra
A peza da Virxe, elaborada en granito polo alumno da escola Bruno Comesaña Ledo, xa está instalada no templo, que data de 1616
17 de outubro de 2019
A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra acaba de instalar a escultura que representa á Virxe do Camiño na ermida do mesmo nome, situada na parroquia de San Roque do Freixo en Crecente. A peza, elaborada en granito, mide 1,20 metros con figura e base, e pesa aproximadamente 700 quilos.
A escultura é obra do alumno da Escola de Cantería, Bruno Comesaña Ledo, e trátase dunha reprodución da imaxe da Virxe do Camiño, que ten ermida propia desde 1616. A peza está baseada na figura orixinal, que está en depósito. O único cambio con respecto á orixinal é o material, xa que a primeira era de madeira policromada e a nova escultura é de granito, e o tamaño, xa que a réplica é algo máis grande. O persoal da Escola de Cantería xa situou a peza na hornacina que ten a Virxe do Camiño na citada ermida.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, asinou en xuño deste ano o convenio co párroco de San Roque do Freixo, José Antonio Eiró, para a cesión desta escultura da Virxe. A través destes acordos con concellos e distintas entidades da provincia, a Deputación está a espallar o traballo realizado polo alumnado da Escola de Cantería como práctica na súa formación. Deste xeito, ademais de poñer en valor a formación que reciben, tamén se está a dotar de elementos patrimoniais ás diferentes vilas da provincia e a enxalzar un oficio "que forma parte das nosas tradicións senlleiras, como é a cantería", como destacara Silva. A Deputación asumiu os traballos de elaboración e instalación da figura.