Detalle

O adro da igrexa de Albeos en Crecente xa conta coa escultura da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

A peza de San Paio, elaborada en granito silvestre galego, foi instalada nun contorno histórico que data do século XII

22 de decembro de 2020

Escultura de San Paio

A deputada delegada de Centros Educativos, Noemí Outeda, acompañada do alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, e do cura párroco de Albeos, asistiu esta mañá á descuberta da escultura dedicada a San Paio, unha das últimas creacións da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, e que foi instalada no adro desta igrexa do século XII.

A deputada provincial destacou que "estamos encantadas e encantados de colaborar, sempre na medida do posible, coas peticións que nos chegan e de poñer a Escola de Cantería ao servizo da provincia e de por en valor o patrimonio que ten a nosa provincia".

A escultura é obra de Cristian Jabóis e Víctor Casada, exalumnos da Escola da Deputación. Foi elaborada a partir dun bloque de granito silvestre galego e está composta polo elemento figurativo e unha base que, en total, superan os 2 metros de altura.

Para a súa execución, que se desenvolveu durante un período de 4 meses, empregouse a técnica de ampliación; deseñando primeiro unha maqueta de 0,50 metros que se ampliou ata acadar 1,60 metros finais (sen contar a base).